Friday 26 de April de 2024

Talentia Summit ‘20 ofrece 18.000 prazas en centos de actividades na maior feira virtual de emprego


Do luns 23 ao venres 27 de novembro de 2020 celébrase a nova edición de Talentia Summit, 100% virtual e con ofertas de emprego activas, cursos de formación, certificacións oficiais e un foro de conferencias estratéxicas. O período de inscrición abrirase este sábado 14 de novembro ás 18.00 h. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado polo técnico municipal de Emprego, Xavier Ferreiro, presentou esta mañá en rolda o contido do foro.

Talentia Summit volve cunha nova Edición Especial Covid-19 este 2020. Nun contexto de tanta incerteza, o Concello de Santiago aposta por xerar novas oportunidades, xa que ten máis valor que nunca, e nesta edición póñense a disposición máis de 18.000 prazas en diversas actividades para potenciar o pefil profesional das persoas participantes. O alcalde expresou a “gran satisfacción e a responsabilidade” que supón organizar esta edición, totalmente online, “o que non significa que sexa peor”, engadiu o rexedor, que vaticinou que a do 2021 será “a mellor de todas”.

Cunha oferta formativa e de inserción laboral sen precedentes, Talentia Summit consolídase como un encontro virtual do talento e o emprego referente no Estado. Este ano debido á situación sanitaria provocada pola pandemia mundial, será unha edición 100% virtual.

Durante a feira, os participantes poderán achegarse ás empresas máis relevantes que están na procura de talento, coñecer as súas ofertas de emprego e reservar chamadas directamente cos responsables de contratación. Na feira ofertaranse milleiros de prazas en cursos de formación en directo, certificacións oficiais, cursos online, sesións de mentoring persoal e orientación laboral.

A Feira Talentia: maior audiencia, maior oferta, maiores posibilidades
9.000 encontros de usuarios con empresas para conectar a potenciais traballadores con oportunidades, iso é a Feira Talentia. Celebrada habitualmente no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, vólvese totalmente virtual e ten lugar no portal web www.talentiasummit.com. Previo rexistro e solicitude de participar no evento, o usuario poderá visitar os stands virtuais das empresas, nos que poderá:
– Descubrir as ofertas de emprego activas da empresa
– Coñecer a actividade da empresa e os programas de captación de talento.
– Conectar cos responsables das áreas de contratación de persoal.

No stand virtual, as empresas indicarán a súa dispoñibilidade e establecerán contacto telefónico directo coa persoa que realiza a reserva. As ofertas de emprego xa están dispoñibles na páxina web de Axencia Local de Colocación do Concello de Santiago de Compostela.

Máis de 2.000 prazas en formación para impulsar o perfil profesional
Talentia Summit aposta un ano máis pola formación como motor do talento e o emprego para o desenvolvemento profesional. Tras ofrecer estes meses de abril e maio unha ampla variedade de cursos online e mobile learning, este evento volve presentar unha oferta formativa diversa para múltiples perfís e inquedanzas profesionais.

Ademais dos cursos de formación online, Talentia Summit porá a disposición dos usuarios webinars, obtención de certificados oficiais, xornadas de orientación laboral para a optimización do seu currículum e tamén consultoría e asesoría coas sesións de mentoring persoais. En cifras, a oferta de formación de Talentia deste ano é a seguinte:

– 330 Prazas en certificacións oficiais
– 2000 Prazas en cursos de formación
– 672 Prazas con 28 mentores profesionais
– 1.000 Prazas en 25 webinars
– 360 Prazas de orientación laboral

O Foro Talentia: expertos comparten como superar a incerteza
Este ano, o Foro celebrarase o venres 27 de novembro ás 18.00h. Dada a situación excepcional provocada pola Covid-19, reformularase o formato seguindo as instrucións das autoridades sanitarias. A pesar da situación actual, multiplicarase o aforo de asistencia xa que poderán seguir o evento vía streaming.

Actualmente, está confirmada a participación de Beatriz Navarro – directora de Marketing e Comunicación de FNAC España-, Juan Carlos Alcaide – experto en experiencia cliente na era do coronavirus-, María José Alonso – catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago e adscrita ao CiMUS- e Joaquín “Kin” Martínez – codirector do festival “O Son do Camiño” e presidente da Federación ES Música, entre outros.-
Ademáis estarán presentes as autoridades institucionais Pedro Duque – ministro de Ciencia e Innovación-, Alberto Núñez Feijóo – presidente da Xunta de Galicia- e Xosé Sánchez Bugallo – alcalde de Santiago de Compostela-.

Todas as actividades e información en www.talentiasummit.com
A reserva de prazas para todas as actividades realizarase a través da web www.talentiasummit.com. Nesta edición multiplícase por cinco a posibilidade de asistencia e participación dos usuarios ao Foro e á Feira Talentia, transformándose nun evento virtual adaptado á nova normalidade. Este sábado 14 de novembro ás 18.00h abrirase o período de inscrición para as actividades de Talentia Summit ‘20